Friday 19 de April de 2024

A Xunta apoia con máis de 58.400€ o funcionamento e a dotación de equipamento dos servizos de emerxencias de Curtis


― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Curtis que da atención a este municipio e aos de Sobrado, Vilasantar, Mesía, Oza-Cesuras e Aranga

― O Goberno galego destinou nos últimos anos máis de 60M€ ao funcionamento, equipamento e formación dos GES e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da comunidade

― No caso dos GES, a Xunta financia máis da metade do custo destes grupos e leva destinados máis 7M€ a reforzar o seu material, dos que 2M€ se investiron este ano para cubrir as necesidades de vehículos e equipos de excarceramento dos grupos creados este exercicio

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a sede do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Curtis que atende a este concello e aos de Sobrado, Vilasantar, Mesía, Oza-Cesuras e Aranga. A Xunta leva investidos nos servizos de emerxencias deste concello máis de 58.400 euros para reforzar o equipamento tanto deste GES, do que tamén financia máis da metade do seu custo, como da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do municipio, que conta con 38 efectivos.

Entre o material cedido ao concello inclúense un detector de gases, 2 furgóns, un equipo de protección fronte a vespa velutina, un remolque de emerxencias, unha embarcación e un desfribilador.

A Administración autonómica mantén a súa implicación na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias das entidades locais aos que destinou case 20 millóns de euros, máis de 11 millóns no caso das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e 7 millóns para os GES. Tamén colabora no seu funcionamento asumindo máis de 40 millóns do custo dos GES co obxectivo de mellorar a cobertura e os tempos de resposta ante emerxencias en toda a comunidade e 4 millóns nas distintas ordes de axudas para sufragar os gastos de funcionamento das AVPC.En total, máis de 60 millóns de euros investidos polo Goberno galego nos últimos 12 anos para colaborar no funcionamento, equipamento e formación dos servizos de emerxencias da comunidade.

No caso dos GES, o orzamento para este ano en canto á dotación de material é de case 2 millóns de euros, que se están a destinar sobre todo a cubrir as necesidades de vehículos e equipos de excarceramento para os 6 grupos creados neste exercicio en Pontevedra -con sedes en A Lama, Mos/Redondela, A Cañiza- e en Ourense -A Veiga e Maceda-, xunto co servizo municipal de Noia. Así xa se licitaron 10 vehículos -3 furgonetas de servicios varios, 3 bombas urbanas lixeiras estreitas e 4 bombas rurais pesadas- e 6 equipos de excarceración e ferramentas para rescate en zonas de difícil acceso.